martes, 20 de noviembre de 2007

PARA NON ESQUECER...

O pensamento filosófico dun autor é sempre froito de multiples influencias tanto do contexto socio-histórico, como de outros pensadores.

Cómpre non esquecer a ningúen, así que os seguintes videos son só o impulso para lembrar a figuras importantes do pensamento, o primeiro refírese aos da Grecia Antiga, o segundo abrangue case toda a historia da filosofía.





Facendo clic neste mapa chégase á páxina que o contén, onde si é posible amplialo para identificar as cidades da nosa tradición filosófica grega. Pódese usar como axuda para quen estea a facer o traballo de localización dos filósofos.

martes, 30 de octubre de 2007

A TEORÍA DE PLATÓN REPRESENTADA GRAFICAMENTE
















Estes gráficos proceden do Atlas de Filosofía xa citado noutra entrada.

Resumo do Fedro donde se expón o mito do carro alado para explicar a alma humana. Esta é outra manifestación do dualismo platónico:

No caso dos deuses, os dous cabalos son bos e de boa raza; no caso dos mortais, un dos dous é tamén así, o outro é o contrario. Grazas ás súas ás, as almas dos deuses móvense pola bóveda celeste, e saen a fóra, e detéñense sobre ela, ata que o movemento de rotación vólvaas deixar no mesmo punto; durante esa instancia contemplan o que esta fose do mundo sensible, o ente, e ese é o seu festín e o seu agasallo. As almas dos homes, pola dificultade de conducir o carro (un dos dous cabalos é díscolo), dificilmente logran seguir ás dos deuses; apenas chegan a sacar a cabeza fóra da bóveda do ceo e ver, máis ou menos; a que logra ver algo, queda libre de sufrimento ata a próxima revolución, porque a presenza do ente é o alimento para "o mellor" da alma; pero, se a alma non conseguiu ver, senón que, pola contra, na loita foi derrotada, perde as ás e cae a terra, onde toma posesión dun corpo, que, pola virtude da alma, parecerá moverse a se mesmo. Se, de todos os xeitos, a alma viu algunha vez, non será fixada a un corpo animal, senón a un corpo humano, e segundo que vexa mais ou menos, será fixada ao corpo de quen haxa de ser unha ou outra cousa; a de que vexa máis, será a alma dun amante da sabedoría ou un cultivador das Musas ou do amor; a segunda será a alma dun gobernante obediente á lei, e así ata a oitava que será a dun sofista, e a novena, que será a dun tirano. Ao final dunha vida, as almas son xulgadas e ata completar un milenio levan, baixo terra ou nun lugar do ceo , unha vida concorde cos merecementos da súa vida terrea. Transcorrido o milenio, volverán á superficie da terra, pero esta vez cada un escollerá o tipo de vida que quere, en que clase de corpo ha de ser plantado; así cada un elixirá libremente segundo o seu propio carácter e o seu propio valor; pode ser que algunha decida ir parar a un animal: concederáselle porque esa é a súa decisión. Ningún alma recuperará as ás antes de dez mil anos, a non ser a que se mantivo durante tres xeracións sucesivas no estado de amante da sabedoría ou da beleza.

Preme aquí

para ler a explicación do mito.

sábado, 27 de octubre de 2007

A MORTE DE SÓCRATES

No diálogo Fedón, Platón relata a morte do seu mestre, que sen dúbida tivo gran influencia na súa vida. O fragmento que segue é o final do diálogo. Podes ler en castelán toda a obra nesta ligazón.



Despois que saíu do baño leváronlle alí os seus fillos; porque tiña tres, dous moi novos e outro que era xa bastante grande, e con eles entraron as mulleres da súa familia. Falou con todos un intre en presenza de Criton, e deulles as súas ordes; deseguido fixo que se retirasen as mulleres e os nenos, e viño onde nós estabamos. Xa se aproximaba a posta do sol, porque permanecera longo intre no cuarto do baño. En canto entrou sentou na súa cama, sen ter tempo para dicirnos nada, porque o servidor dos Once entrou case naquel momento e aproximándose a el, dixo: Sócrates, non teño que dirixirche a mesma reprensión que aos demais que estiveron no teu caso. Desde que veño a advertirlles, por orde dos maxistrados, que é preciso beber o veleno, se alborotan contra min e maldinme; pero respecto de ti, desde que estás aquí, sempre me pareciches o máis firme, o máis doce e o mellor de cantos entraron nesta prisión; e estou ben seguro de que neste momento non estás enfadado comigo, e que só o estarás cos que son a causa da túa desgraza, e a quen ti coñeces ben. Agora, Sócrates, sabes o que veño a anunciarche; recibe o meu saúdo, e trata de soportar con resignación o que é inevitable. Dito isto, volveu as costas, e retirouse derramando bágoas. Sócrates, mirándolle, díxolle: e tamén eu saúdoche, amigo meu, e farei o que me dis. Vede, díxonos ao mesmo tempo, que honradez a deste home; durante o tempo que permanecín aquí veume a ver moitas veces; conducíase como o mellor dos homes; e neste momento, ¡que de verdade me chora! Pero, adiante, Criton; obedezcámosle de boa vontade, e que me traia o veleno se está machucado; e se non o está, que el mesmo o machuque.

-Penso, Sócrates, dixo Criton, que o sol aluma aínda as montañas, e que non se puxo; e cónstame, que outros moitos non beberon o veleno senón moito despois de recibir a orde; que comeron e bebido ao seu gusto e aínda algúns gozado dos praceres do amor; así que non debes apurarche, porque aínda tes tempo.

-Os que fan o que ti dis, Criton, respondeu Sócrates, teñen as súas razóns; cren que iso máis gañan, pero eu téñoas tamén para non facelo, porque a única cousa que creo gañar, bebendo a cicuta un pouco máis tarde, é facerme ridículo aos meus propios ollos, manifestándome tan ansioso de vida, que intente aforrar a morte, cando esta é absolutamente inevitable. Así, pois, o meu querido Criton, facede o que vos dixen, e non me atormentes máis.

-Entón Criton fixo un aceno ao escravo que tiña alí cerca. O escravo saíu, e pouco despois volveu co que debía fornecer o veleno, que levaba xa disolto nunha copa. Sócrates véndolle entrar, díxolle: moi ben, amigo meu; é preciso que me digas o que teño que facer; porque ti es o que debes ensinarmo.

-Nada máis, díxolle este home, que porche a pasear logo de beber a cicuta, ata que sentas que se debilitan as túas pernas, e entón déitasche na túa cama. Ao mesmo tempo alargoulle a copa. Sócrates tomouna, Equecrates, coa maior tranquilidade, sen ningunha emoción, sen mudar de cor nin de aspecto; e mirando a este home con ollo firme e seguro, como afacía, díxolle: é permitido facer unha libación cun pouco deste brebaje?

-Sócrates, respondeulle este home, só disolvemos o que precisamente se ha de beber.

-Xa o entendo, dixo Sócrates; pero polo menos é permitido e moi xusto dirixir oracións aos deuses, para que bendigan a nosa viaxe, e que lle fagan ditoso; isto é o que lles pido, e ¡oxalá escoiten os meus votos! logo de dicir isto, levou a copa aos beizos, e bebeu cunha tranquilidade e unha dozura marabillosas.

Ata entón nós tivemos forza para conter as bágoas, pero ao verlle beber e despois que houbo bebido, xa non fomos donos de nós mesmos. Eu se dicir, que as miñas bágoas correron en abundancia, e a pesar de todos os meus esforzos non tiven máis remedio que cubrirme coa miña capa para chorar con liberdade por min mesmo, porque non era a desgraza de Sócrates a que eu choraba, senón a miña propia pensando no amigo que ía perder. Criton, antes que eu, non podendo conter as súas bágoas, saíra; e Apolodoro, que xa antes non cesara de chorar, prorrumpió en berros e en saloucos, que partían a alma de cantos estaban presentes, menos a de Sócrates. Que facedes, dixo, amigos meus? Non foi o temor destas debilidades inconvenientes o que motivou o afastar de aquí as mulleres? Por que oín dicir sempre que é preciso morrer oíndo boas palabras? Mantédevos, pois, tranquilos, e dade probas de máis firmeza.

Estas palabras enchéronnos de confusión, e retivemos as nosas bágoas.

-Sócrates, que estaba paseándose, dixo que sentía desfallecer as súas pernas, e deitouse de costas, como o home ordenoulle. Ao mesmo tempo este mesmo home, que lle deu o veleno, aproximouse, e logo de haberlle examinado un momento os pés e as pernas, apertoulle con forza un pié, e preguntoulle se o sentía, e Sócrates respondeu que non. Estreitoulle deseguido as pernas e, levando as súas mans máis arriba, fíxonos ver que o corpo xeábase e endurecíase, e tocándolle el mesmo, díxonos que no momento que o frío chegase ao corazón, Sócrates deixaría de existir. Xa o baixo ventre estaba xeado, e entón descubríndose, porque estaba cuberto, dixo, e estas foron as súas últimas palabras: Criton, debemos un galo a Esculapio; non che esquezas de pagar esta débeda.

-Así o farei, respondeu Criton; pero mira se tes aínda algunha advertencia que facernos.

-Non respondeu nada, e de alí a pouco fixo un movemento. O home aquel entón descubriuno de maneira total e vimos que tiña a súa mirada fixa. Criton, vendo isto, pechoulle a boca e os ollos.

-Velaquí, Equecrates, cal foi o fin do noso amigo, do home, podemos dicilo, que foi o mellor de cantos coñecemos no noso tempo; e por outra banda, o máis sabio, o máis xusto de todos os homes.

jueves, 25 de octubre de 2007

ALEGORÍA DA CAVERNA DE PLATÓN

Como sabes Platón recorre frecuentemente a símiles, mitos, alegorías para explicar algún aspecto complexo da súa teoría. Nesta alegoría ilustra o proceso de coñecemento e o papel da educación.

O cine retomou este tema en diversas formas: a película Matrix é un bo exemplo.

Se desexas vela está á túa disposición na biblioteca. Un esquema moi claro do mito da caverna e a súa explicación podes achalo na páxina 40 do Atlas de Filosofía, forma parte dos nosos fondos bibliográficos.

O vídeo que segue é unha curiosa recreación do mito da alegoría da caverna platónica con Matrix como versión actual.

jueves, 18 de octubre de 2007

GNOSEOLOXÍA, EPISTEMOLOXÍA


Gnoseoloxía:
Expresión usada para designar o estudo filosófico do problema do coñecemento. Pode entenderse como sinónimo de epistemoloxía, que ás veces se interpreta como teoría do coñecemento referida a problemas derivados das ciencias.



FILOSOFÍA E CIENCIAS


Neste fragmento Luc Ferry da unha visión máis ampla do obxecto da filosofía:
Se a filosofía consiste na procura da salvación, na reflexión en torno ao tempo que vai transcorrendo e que é limitado, non pode por menos que comezar por facerse preguntas sobre a natureza do mundo que nos rodea. Toda filosofía digna de tal nome parte, xa que logo, das ciencias naturais que nos desvelan a estructura do universo: a física, as matemáticas, a bioloxía, etcétera, pero así mesmo das ciencias históricas que arroxan luz sobre a historia dos homes. “Aquí non entra ninguén que non sexa un xeómetra”, dicía Platón aos seus discípulos referíndose á súa escola, a Academia, e logo del, ningunha filosofía pretendeu xamais economizar medios á hora de obter coñecementos científicos. Pero debemos ir máis lonxe e preguntarnos tamén polos medios ao noso alcance para coñecer. Polo tanto a filosofía intenta, máis aló das consideracións que forman parte das ciencias positivas, comprender a natureza do coñecemento mesmo, entender os métodos dos que se serve. Por exemplo: como descubrir as causas dun fenómeno? Pero tamén se fixa nos límites da disciplina. Outro exemplo: pódese demostrar a existencia de Deus?
Estas dúas preguntas, a da natureza do mundo e a referente aos instrumentos dos que dispón a humanidade para chegar a coñecer, tamén constitúen unha parte esencial da vertente teórica da filosofía.

Seguramente es quen de explicar a relación entre a filosofía e as diversas ciencias. Esta relación, moi especialmente coas matemáticas, vén xa desde os filósofos gregos. Nesta páxina podes atopar sinxelas explicacións sobre os sólidos platónicos e outras curiosidades. Navega un pouco por ela, axudarache a comprender como os presupostos filosóficos inflúen nas teorías científicas.

Tamén é clarificador o sigiente vídeo titulado Pitágoras e Platón.

martes, 16 de octubre de 2007

BENESTAR E LIBERDADE

A liberdade guiando ao pobo é o titulo desta pintura de Delacroix

Proseguimos na lectura:
Pero hai máis. O benestar non é o único ideal sobre a terra. A liberdade é outro. E se a relixión acouga a angustia convertendo a morte nunha ilusión, arríscase a facelo ao prezo da liberdade de pensamento. Porque sempre esixe que, en maior ou menor medida, e como contrapartida ao acougo que pretende procurar, se abandone a razón para facer sitio á fe, que se abandone o espírito crítico para poder crer. Quere que sexamos, de cara a Deus, como nenos pequenos, non como adultos aos que, en último termo, non ve senón como razoadores arrogantes. Filosofar en lugar de crer supón, no fondo -polo menos desde o punto de vista dos filósofos, que evidentemente non é o dos crentes-, preferir a lucidez ao confort, a liberdade á fe. En verdade trátase, en certo sentido, de “salvar o pelello”, pero non a calquera prezo.


Que funcións desempeñan as relixións na actualidade?
Poden as crenzas relixiosas interferir nos procesos racionais de pensamento?
Se tiveses que priorizar que porías diante o benestar ou a liberdade?

lunes, 15 de octubre de 2007

A PREOCUPACIÓN POLA MORTE

Nas páxinas 26-27 da obra que traballamos dise:
Ao non lograr crer nun Deus salvador, o filósofo é, ante todo, aquel que cre que coñecendo o mundo, comprendéndose a si mesmo e aos demais na medida que nolo permite a nosa intelixencia, pódese chegar a superar os medos, pero máis que desde unha fe cega, desde a lucidez. En outras palabras, se as relixións defínense a si mesmas como doutrinas de salvación a través doutro, pola graza de Deus, poderiamos definir os grandes sistemas filosóficos como doutrinas da salvación por un mesmo, sen a axuda de Deus. Así, Epicuro definía a filosofía como unha “medicina para a alma” cuxo obxectivo último era facernos comprender que “non se debe temer a morte”.

O filósofo do século XVIII Kant, posiblemente utilizaría unha expresión distinta para falar dos límites da comprensión humana, Kant diría “os límites da razón”.
Que diferenza cres que pode haber entre dicir “na medida que nolo permite a nosa inteligencia” e a expresión de Kant?
Como podemos saber os límites?
Que disciplina se ocupa deste tema?
Que cambia a filosofía respecto da relixión segundo o autor do texto?
Que sentido lle dá Epicuro a “non se debe temer á morte”? É o mesmo que se dá nesta obra?
A felicidade está por encima de todo?
Queres saber algo de como entendía Epicuro a felicidade? Dedícalle uns minutos a estes amenos vídeos.



viernes, 12 de octubre de 2007

A FILOSOFÍA COMO SOTEREOLOXÍA

Luc Ferry afirma:
A pregunta evidente, que é a filosofía? é unha das máis controvertidas que coñezo. A maioría dos filósofos actuais seguen dándolle voltas sen lograr porse de acordo en cal é a resposta.
[...] o ser humano, a diferenza de Deus −se é que Deus existe− é mortal ou, por dicilo como os filósofos, é un ser “finito”, limitado no espazo e no tempo. Pero, a diferenza dos animais, é o único ser que ten conciencia dos seus límites. Sabe que vai morrer e que tamén morrerán os seus seres queridos. Non pode evitar facerse preguntas ante unha situación que, a priori, resulta inquietante, por non dicir absurda ou insoportable. E, evidentemente, esta é a razón pola que en primeiro lugar achégase ás relixións que lle prometen a salvación.
[...] Abre un diccionario e verás que o termo salvación designa ante todo “o feito de ser salvado, de escapar dun gran perigo ou dunha gran desgraza”. Moi ben. Pero de que catástrofe, de que espantoso perigo pretenden axudarnos a escapar as relixións? Xa coñeces a resposta: evidentemente, trátase da morte.
[...] Por que non, se un creo e ten fe?
Pero para aqueles que non están convencidos, para os que dubidan da verdade destas promesas, o problema segue aí. E é xustamente aí onde a filosofía, por así dicilo, toma a substitución.
Seguro que ti compartes a preocupación pola morte, pero supón por un momento que fósemos inmortais, deixaría de ter sentido a filosofía? As preguntas sobre cal é o modo máis xusto de organizar a sociedade xa non terían sentido? Seguro que Platón ou Marx defenderían a necesidade destas reflexións.
Imáxinate un diálogo entre ti e L.Ferry en relación a os fragmentos anteriores e este vídeo no que se expoñen algunhas ideas de Marx.



lunes, 8 de octubre de 2007

COÑECENDO A LUC FERRY



Imos comezar comentando os dous primeiros capítulos de Aprender a Vivir.

O autor, Luc Ferry, filósofo e político francés que foi ministro de educación e se define como non crente e como social demócrata liberal, ten apoiado a dereita francesa na figura de Sarkozy. É moi coñecido a partir de ter prohibido os símbolos relixiosos nas institucións, tamén por suposto, nas educativas.

Nunha entrevista afirmou: “A primeira globalización, a da ciencia moderna, quería comprender o mundo para dominalo. Con dúas metas: ser máis libres e máis felices. A globalización actual non ten un obxectivo superior, só segue a lóxica do mercado, onde a competencia é un fin en si mesmo. Se un programa de televisión non ten audiencia, desaparece. Os nosos móbiles pesan menos pero nós non somos máis felices. Avanzamos sen saber onde e, ademais, non controlamos o proceso.”



Introduce así o seu recente libro: “Aprender a vivir, a deixar de temer en balde os diversos rostros da morte ou, simplemente, aprender a superar a banalidade da vida cotiá, as preocupacións e o tempo que pasa, este foi o primeiro obxectivo das escolas da Antigüidade grega. Merece a pena escoitar a súa mensaxe, porque as filosofías do pasado séguennos falando.”


Aí van algunhas cuestións para empezar a reflexionar, pero non limites o teu comentario a contestalas:
Que che parecen estas afirmacións?
Polo que sabes cal é a función ou funcións da Filosofía? Cantas se che ocorren e que orde de prioridade lles darías?
Os primeiros filósofos como Tales ou Parménides estarían de acordo con el?
Como cres que inflúe a política activa nun filósofo? E a Filosofía no quefacer político?